Thursday 19 de September de 2024

O Concello e a Deputación asinan un convenio para a xestión e mellora da Casa de Acollida para mulleres vítimas da violencia machista


Inés Rey agradeceu ao ente provincial a súa colaboración e incidiu na importancia de “ir da man para erradicar esta lacra”

O Concello e a Deputación da Coruña asinaron esta mañá un convenio de colaboración para o financiamento da casa de acollida e de dous pisos de inclusión e transición á vida autónoma para mulleres vítimas de violencia de xénero na cidade. A alcaldesa, Inés Rey, e o presidente provincial, Valentín González Formoso, foron os encargados de asinar o acordo, que supón unha achega de 120.926 euros, un 24% do orzamento para estes equipamentos municipais.
“Este acordo suporá un reforzo moi importante dun servizo esencial no que todas as administracións debemos ir da man para erradicar dunha vez por todas una das grandes lacras da sociedade”, sinalou Inés Rey tras a firma. Este acordo suporá un maior investimento e unha mellor xestión destes equipamentos. “A rede provincial de Casas de Acollida desenvolve un papel fundamental na atención a un colectivo especialmente vulnerable como é o das mulleres que sofren a violencia de xénero en momentos especialmente complicados das súas vidas nos que precisan toda a protección, apoio e acompañamento que poidamos ofrecerlles como sociedade”, afirmou pola súa banda o presidente da Deputación

A casa de acollida da Coruña e os dous pisos pertencen á Rede Galega de Acollemento e constitúen un recurso de estadía temporal, atención e recuperación para as mulleres vítimas da violencia de xénero, así como para os e as menores ao seu cargo. O espazo permite a estas persoas, en situación vulnerable, recibir apoio, información e asesoramento en materia social, xurídica e psicolóxica, así como apoio para a súa reinserción laboral.
“Nun momento de tanta gravidade coido que é necesaria manter a posición común da cidade contra esa eiva, de continuar deixando fóra do noso consenso básico o negacionismo, de manter liñas hixiénicas fronte ao machismo organizado”, sinalou Inés Rey, que lembrou que no pleno deste xoves se gardaron 16 minutos de silencio polas 16 mulleres asasinadas desde que se celebrou o anterior, en xullo, unha cifra “escalofriante”. Por iso, agradeceu á Deputación “a súa colaboración en políticas contra a violencia de xénero”.

Deja un comentario